Con este titorial interactivo poremos en práctica a busca do noso tema en DialnetPlus para saber que hai publicado sobre o mesmo en España.
DialnetPlus facilita o acceso a contidos científicos de ámbito hispano e portugués, principalmente de revistas pero tamén de libros e capítulos de libros colectivos, teses doutorais e congresos.
Se precisas ampliar unha imaxe deste titorial para vela mellor, preme nela.
Á dereita tes a páxina principal de DialnetPlus.
Para avanzar neste titorial utiliza as frechas inferiores.
Comezamos!
A procura de documentos pode realizarse desde a páxina principal de DialnetPlus ou desde o menú "Buscar" da barra de navegación.
Preme na pestana "Buscar". Amósase a pantalla de busca básica de documentos cunha única caixa onde introducir os termos.
Preme onde indica a imaxe superior para ver as opcións avanzadas de busca.
Se te fixas, podes escoller o tipo de documentos que queres recuperar (artigos de revistas, libros, teses etc.) e onde queres que aparezan os termos da busca (título, resumo etc.).
Imos comezar facendo unha busca simple do noso tema, buscando na opción "Resumen" os termos integración alumnado TEA (como amosa esta imaxe).
Cantos resultados recuperas? poucos, non si?
Cando realizamos unha busca dificilmente se recuperan os resultados axeitados ao primeiro intento. É habitual que se produza o que se denomina "ruído" e "silencio":
Aquí tes uns consellos para reformular unha estratexia de busca en función dos resultados e así melloralos e evitar o ruído e o silencio documental.
Seguindo estas recomendacións para aumentar os resultados, imos empregar materias máis amplas, engadir sinónimos e termos relacionados utilizando o operador OR, truncar algúns dos termos e buscar na opción "Contiene las palabras" (opción que busca en calquera campo, e polo tanto máis amplo que o de "Resumen").
A nosa ecuación de busca podería quedar así:
(integración OR inclusi*) AND (alumn* OR estud* OR educa*) AND (TEA OR “Trastornos del espectro autista” OR autis* OR asperger)
Así pois, executa esta ecuación de busca como se indica na imaxe inferior (non esquezas eliminar a buscar anterior, e esta facela na opción "Contiene las palabras" poñendo as parénteses no lugar correspondente).
Agora responde:
Cantos resultados recuperas agora?
Como puideches comprobar, con esta ecuación de busca recuperamos moitos máis resultados que coa outra!
Unha vez realizada a procura o sistema amosa unha pantalla cos resultados.
Na parte esquerda da pantalla aparecen unha serie de filtros que permiten acoutar os resultados.
Cada categoría ten entre parénteses un número que indica os documentos vinculados a ela, e ao facer clic no recadro da categoría móstranse só os documentos que respondan ás opcións marcadas.
Imos aplicar algúns límites aos nosos resultados; no apartado de "Filtros" restrinxe a busca:
- En "Materias Dialnet" a Psicología y educación.
- En "Rango de años" aos publicados entre 2020-2029.
- En "Idiomas" a español.
Cantos resultados quedan aplicando estes límites?
A continuación observa os resultados e a información que se proporciona deles; verás que ademais do título do documento, autor/es, datos de publicación etc., ás veces hai tamén un enlace ao resumo e/ou ao texto completo do documento.
Na listaxe de resultados avanza ata localizar o seguinte artigo e accede ao seu texto completo.
Despois do resumo aparecen as palabras clave proporcionadas polas autoras para describir o artigo. Cales son estas?
Como vimos, non todos os resultados teñen un enlace directo ao texto completo do documento. Imos ver un exemplo; revisa outra vez a listaxe de resultados ata localizar o seguinte e preme no seu título para ver toda a información que proporciona DialnetPlus sobre o mesmo.
Fai clic sobre "Localizar documento en BUV"para consultar o buscador Perseo e comprobar se a Biblioteca dispón do documento en formato físico (papel, dvd...) ou electrónico.
Temos posibilidade de consultar o texto completo do documento?
Unha vez que os resultados se adecúan ao que precisas terás que seleccionar aqueles que che interesan e proceder á súa exportación con algunha das opcións que ofrece, entre elas ao xestor bibliográfico Refworks. Isto verémolo na vindeira sesión.
Rematamos este pequeno titorial no que practicamos en DialnetPlus a execución dunha estratexia de busca ata chegar ao texto completo dos documentos.
Lembra que para completar a revisión do que hai publicado sobre un tema deberiamos adaptar e executar a nosa estratexia noutras bases de datos bibliográficas especializadas como ERIC ou multidisciplinares como Scopus e Web of Science.