Con este titorial interactivo poremos en práctica a busca do noso tema en DialnetPlus para saber que hai publicado sobre o mesmo en España.DialnetPlus facilita o acceso a contidos científicos de ámbito hispano e portugués, principalmente de revistas pero tamén de libros e capítulos de libros colectivos, teses doutorais e congresos.
Se precisas ampliar unha imaxe deste titorial para vela mellor, preme nela.
Á dereita tes a páxina principal de DialnetPlus.
Para avanzar neste titorial utiliza as frechas inferiores.
Comezamos!
A procura de documentos pode realizarse desde a páxina principal de DialnetPlus ou desde o menú "Buscar" da barra de navegación.
Preme na pestana "Buscar". Amósase a pantalla de busca básica de documentos cunha única caixa onde introducir os termos.
Preme onde indica a imaxe superior para ver as opcións avanzadas de busca.
Se te fixas, podes escoller o tipo de documentos que queres recuperar e onde queres que aparezan os termos da busca.
Imos comezar facendo unha busca simple do noso tema, buscando na opción "Resumen" (como amosa a imaxe inferiro) os termos:
"establecimientos termales" AND turismo AND Galicia
Cantos resultados recuperas? poucos, non si?
Aquí tes uns consellos para reformular unha estratexia de busca en función dos resultados
Seguindo estas recomendacións para aumentar os resultados imos empregar materias máis amplas, engadir sinónimos e termos relacionados utilizando o operador OR, truncar algúns dos termos e buscar na opción "Contiene las palabras" (opción ou campo máis amplo que o de "Resumen").A nosa ecuación de busca podería quedar así:
(Terma* OR Balnearios OR Talaso*) AND (Turis* OR vacaciones OR Viaje*) AND (Galicia OR Ourense)
Así pois, executa esta ecuación de busca como se indica na imaxe inferior (non esquezas buscar na opción "Contiene las palabras" e poñer as parénteses no lugar correspondente).
Agora responde:
Cantos resultados recuperas agora?
Como podes comprobar, con esta ecuación de busca recuperamos moitos máis resultados que coa outra!
Unha vez realizada a procura o sistema amosa unha pantalla cos resultados.
Na parte esquerda da pantalla aparecen unha serie de filtros que permiten acoutar os resultados.
Cada categoría ten entre parénteses un número que indica os documentos vinculados a esa categoría. Ao facer clic no recadro da categoría móstranse só os documentos que respondan a/ás opción/s marcada/s.Imos aplicar algún límite aos nosos resultados; no apartado de "Filtros" restrinxe a busca:
- En "Rango de años" aos publicados dende o ano 2010.
Cantos resultados quedan aplicando este límite?
A continuación observa os resultados e a información que se proporciona deles; verás que ademais do título do documento, autor/es, datos de publicación etc., ás veces hai tamén un enlace ao resumo e/ou ao texto completo do documento.
Na listaxe de resultados localiza o seguinte artigo e accede ao seu texto completo.
De que universidade é o autor do artigo?
Como vimos, non todos os resultados teñen un enlace directo ao texto completo do documento, ás veces o que obterás serán só as referencia bibliográfica (autor, título, título revistas …). ¿Como conseguimos nestes casos o texto completo dos documentos?
Imos ver un exemplo; revisa outra vez a listaxe de resultados ata localizar o seguinte artigo e preme no seu título para ver a información completa que nos dá DialnetPlus sobre o mesmo.
Fai clic sobre para localizar o documento a través deste xestor de enlaces da Biblioteca.
Como podes observar, non temos acceso ao texto completo do documento en formato electrónico, pero podemos comprobar se o temos dispoñible noutro formato no catálogo da Biblioteca.
Accede ao catálogo da Biblioteca a través dese enlace e responde:
En que Biblioteca temos ese documento, neste caso un cd-rom?
Para terminar, veremos o último paso de selección e exportación das referencias dos documentos que nos interesan.Na listaxe de resultados selecciona os 3 primeiros e vai ao apartado "Selección".
Aparecen distintas opcións para exportar as referencias, entre elas a un xestor bibliográfico como Refworks, pero tamén a posibilidade de exportalas en formato "Texto".
Escolle a opción "Texto" e descarga as referencias dos documentos seleccionados no teu ordenador.
Xa rematamos este pequeno titorial no que practicamos en DialnetPlus a execución dunha estratexia de busca ata chegar ao texto completo dos documentos e a exportación das referencias bibliográficas.
Só queda que premas na frecha inferior para completar o envío dos resultados dos cuestionarios e finalizar.
A continuación aplicaremos a nosa estratexía de busca directamente noutras bases de datos bibliográficas.